Imaxe do primeiro televisor que houbo na miña casa... Era en branco e negro!
E como moitos de nós vivimos toda a nosa vida cun aparello destes nas nosas casas, pensamos que toda a vida foi igual. Pois non tal!
A televisión non empezou a emitir regularmente en España ata o ano 1.956, e daquela un televisor era un produto de luxo que moi pouca xente se podía permitir. E daquela, como podían facer para entreterse? Pois ben, amais de interactuaren moito máis cos membros da familia, en moitas casas había un aparato de radio como o que podedes ver a continuación, e que moitas veces se prendía cando se levantaba o primeiro da casa e se apagaba cando se deitaba o último:
Radio a válvulas Grundig, fabricada en Alemaña; aproximadamente década de 1.960
Naquel tempo, os programas de radio eran moi parecidos aos de hoxe: Había un noticiario todos os días (seguro que se lle preguntades aos vosos avós qué era o "parte" volo poden explicar moi ben), emitían programas musicais nos que saían os grandes éxitos do momento, mesmo a veces con dedicatorias, partidos de fútbol.... E como a radio era un aparello moi popular, tamén emitían moitos contidos que hoxe en día desapareceron, como consultorios sentimentais ou radionovelas.
As radionovelas eran historias, normalmente tráxicas, que eran interpretadas por actores de voz, por tanto unicamente se escoitaban, e a imaxinación dos ouvintes facía o resto. Polo medio aparecían anuncios, case igual que cando vemos unha serie de televisión como "El secreto de Puente Viejo", pero sen imaxes. Velaquí unha mostra:
Evidentemente, os gustos cambiaron moito desde os anos 50 e 60 do século pasado, así que de aquí a uns días actualizaremos o concepto de "Radionovela". Permanecede atentos ás vosas pantallas....
Ningún comentario:
Publicar un comentario