luns, 11 de maio de 2020

#retorefraneiro nivel 2

Os debuxos que mandastes a semana pasada foron excelentes.

Esta semana propóñovos ir un paso máis alá e representar os vosos refráns en tres dimensións.

Como o imos facer?

Podemos empregar calquera material que teñamos pola casa que sirva para modelar: plastilina, arxila, pasta de papel.... PERO se non temos ningún, non pasa nada; non fai falta que vaiamos correndo á tenda de manualidades para conseguilo, podémolo facer nós mesmos na casa.

A miña amiga María, que dá clase nun cole da Coruña, elaborou este videotitorial para facer medallas con pasta de modelar, feita con sal, auga e fariña:


Pero vós, en lugar de facer medallas, ides facer un relevo co refrán que queirades representar.

Pero profe... Que é iso dun relevo?, diredes algúns...

Un relevo é unha técnica artística que consiste en facer esculturas que sobresaen dunha superficie plana. Atopámolos en moitos lugares, por exemplo:


  • Sobre as portas dalgunhas igrexas (na imaxe, unha das portas da Catedral de Amberes, en Bélxica) 
  • Decorando monumentos conmemorativos (na imaxe, columna de Traxano, en Roma)
  • En xoias ou obxectos pequenos (na imaxe, camafeo do século XIX) 
E, por suposto, se vos animades, na marabillosa galería de obras do galiñeiro de Zas!

Podedes usar esta pequena guía para elaborar os relevos con pasta de modelar (podedes usar plastilina, se é que a tedes pola casa, aforrando así os pasos 1 e 2).

  1. Elaboramos unha bóla de pasta de modelar tal como se ve no vídeo (eu usaría unha medida un pouco máis grande, como por exemplo un vaso de iogur, pois as nosas figuras van ser un pouco máis grandes que as medallas).
  2. Facemos tantas partes como cores queiramos empregar e as coloreamos. (Eu deixaría unha sen colorear para facer a base, e empregaría dúas cores como máximo, a non ser que teñades un montón de pintura acrílica ou colorante alimentario pola casa).
  3. Creamos coa pasta sen colorear unha superficie plana, do tamaño e forma que queiramos (eu aconséllovos aproximadamente o tamaño dun folio ou medio folio se non vos importa modelar figuras máis pequenas). Podémola decorar con figuras feitas cun obxecto punzante como un lapis ben afiado.
  4. Modelamos as figuras que queiramos para o noso refrán utilizando as cores que puidemos conseguir (se non puidemos conseguir ningunha, facemos todo na mesma cor pero asegurándonos de facer figuras moi grosas, que sobresaian moito, para que as sombras axuden a ver o relevo)
  5. Cando teñamos listo o relevo, temos dúas opcións:
    1. Poñelo a secar nun lugar onde lle dea o sol, como por exemplo a repisa dunha xanela.
    2. Quentar o forno a 100 graos, poñer papel de forno sobre unha bandexa e deixalo dentro ata que endureza. (ISTO, POR SUPOSTO, BAIXO A SUPERVISIÓN DUN ADULTO!!!!)
  6. Cando o relevo estea seco, facemos un pequeno cartel cos cancelos do noso reto e o refrán escrito se é que non o escribistes no mesmo relevo.
  7. Se queredes darlle un acabado brillante, podedes estender sobre el cola branca de carpinteiro cun pincel, como se a estivésedes pintando.
  8. Fotografamos a composición intentando poñela cerca dunha fonte de luz forte (unha lámpada, un foco...) para que faga sombras.
  9. Enviádesme a foto por correo electrónico ou a través do Skype, coma sempre.
Se queredes enviar varios retos esta semana, non teñen por que ser sempre relevos, sobre todo porque se non os cocedes han tardar varios días en secar; tamén podedes enviar debuxos, como a semana pasada. Lembrade que tedes que enviar cando menos unha achega para o #retorefraneiro cada semana.

Non podo esperar para ver os vosos refráns! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario