martes, 5 de maio de 2020

RETO DO MES DE MAIO: #debuxaunrefrán

Os nosos amigos de aulasgalegas.org e @GZvisual propuxeron este orixinal reto para o mes de maio:

Os refráns forman parte da nosa cultura e todos coñecemos un ou varios. E se non os coñecemos nós, coñécenos nosos pais e nais, avós e avoas, tíos ou outros familiares.

O reto é sinxelo: Cada día deberedes buscar un refrán galego que vos guste, que coñezades vós ou que vos conten os vosos pais e nais e realizar unha proposta artística e orixinal, que será publicada neste blogue seguindo as medidas de protección da nosa identidade que todos e todas coñecemos (isto é, nada de poñer o voso nome completo no debuxo, e preferiblemente usar un pseudónimo, que poden ser as vosas iniciais, un nome inventado ou un anagrama).

Evidentemente, e dado que son propostas artísticas serias, ímonos esmerar moito moitísimo e facer cousiñas variadas, dentro do que cada un teña: un día podemos facer un debuxo con lapis de cor, outro día usar as mancha-mancha, outro día facer unha colaxe, outro día realizar unha proposta con caligrafía...

Aquí vos deixo o vídeo con algúns exemplos do que podemos facer.



E un par de propostas que nos poden servir de inspiración



Para os días que non esteamos inspirados ou non demos atopado un refrán que nos convenza, abriremos unha nova sección do blog co título "Refrán do día", onde cada día recolleremos unha proposta que nos farán os nosos amigos de aulasgalegas.org. Se aínda así non nos convence, podemos consultar o Refraneiro Galego para buscar algún que nos guste.

Nas vosas propostas debe aparecer o seguinte:

  • O refrán (loxicamente, en galego, coa mellor letra posible e sen faltas de ortografía)
  • O voso debuxo, escultura, colaxe, fotografía, imaxe creada por ordenador....
  • Os seguintes cancelos ou hashtags:
    • #retorefraneiro
    • #debuxaunrefrán
    • #seanfhaclanbeo
    • #picsnproverbs
  • O voso pseudónimo (Por exemplo, o meu pseudónimo a partir de agora será Adrián Elexeve Madrid, un anagrama formado polas letras do meu nome).


Evidentemente, non hai que mandar un refrán obrigatoriamente todos os días (quen queira pode), pero debedes mandar cando menos un por semana. Ao cabo, a inspiración non nos acompaña sempre!

Ningún comentario:

Publicar un comentario