Gustaríame rematar este segundo trimestre, en primeiro lugar, felicitándovos polo voso traballo, tanto o que xa tiñades feito no cole como o que estades facendo na casa. Todos e todas vós seguides mellorando día a día e aprendendo cousas novas; unhas que veñen nos libros e outras que aprendemos coa convivencia e a vivencia de situacións novas coma esta que estamos a vivir. Quero que saibades que estou moi, moi orgulloso de vós e de como vos adaptastes a esta nova situación.
Con todo, aínda que esteamos de vacacións e non haxa deberes diarios, pasareime de cando en vez polo blog para colgarvos vídeos de cancións, pedazos de películas, debuxos animados... Así, para que pasedes un anaquiño entretidos, e para que non vos olvidedes de que aquí nun pisiño da Coruña hai alguén que se acorda de vós. O seu visionado é totalmente voluntario, e sodes libres para comentalos, usando sempre as regras de netiqueta que establecemos o primeiro día.
Aproveitade estes días para facer cousas coa familia: preparar unha sobremesa, unhas galletas, o que vos apeteza! Axudade un pouquiño na casa, tede o voso cuarto en perfecto estado de revista; lede libros interesantes para contárnolos á volta; descubride cantantes e músicas novas e descoñecidas; facede traballos artísticos para podérmolos expoñer no cole cando volvamos. E, sobre todo, descansade e recargade pilas para a terceira avaliación.
A día de hoxe, non sabemos exactamente cando imos volver ao cole. Mais o certo é que nos veremos o próximo martes, 13 de abril, ben no cole ou ben cada un desde o seu ordenador.
Pasádeo moi ben, e disfrutade das vacacións!
Ningún comentario:
Publicar un comentario