Ola alumnos, alumnas, familias e visitantes.
Como saberedes, a Xunta de Galicia deu instrucións de paralizar as actividades lectivas nos centros educativos. Porén, isto non significa que esteamos de vacacións, senón que o alumnado deberá permanecer nas súas casas para evitar a propagación do Covid-19 ou Coronavirus (para máis información, premede aquí).
Pola nosa banda, os profes tampouco imos estar sen facer nada (que aburrimento!), senón que desempeñaremos o noso traballo, ben acudindo ao cole ou ben desde as nosas casas, segundo as instrucións que nos mandan desde a Consellería de Educación. Así, en principio, os nenos e nenas de quinto teredes ao voso profe dispoñible a través deste blog, do correo electrónico ou Skype na dirección galineirodequinto@gmail.com no mesmo horario en que se desenvolven as clases normalmente. En caso de podermos dispoñer dalgún outro tipo de plataforma, avisaríasevos inmediatamente a través dunha entrada neste mesmo blog.
Para estar ao día das publicacións que vaiamos facendo, recoméndovos subscribirvos ao RSS deste blog. Deste xeito, cada vez que se publique algo (o traballo do día, as instrucións para realizar unha videochamada, o noso foro...) recibiredes unha notificación no voso enderezo electrónico ou teléfono móbil.
Do mesmo xeito que en Zas somos xente civilizada, neste blog seguiremos tamén unhas normas de cortesía dixital ou Netiqueta que podedes ver premendo aquí. Para evitar tentacións e que ninguén faga o troll, os comentarios que se publiquen deberán ir acompañados das iniciais do alumno ou alumna que os realiza ao final do mesmo (Por exemplo, a nosa querida Marisa Calperro Pronto deberá firmar as súas intervencións como MCP). Ademais, está totalmente prohibido empregar o nome completo de ningún dos participantes, pois, como sabedes, isto é accesible a calquera persoa, por tanto debemos resgardar celosamente os nosos datos persoais. Os comentarios serán moderados polo profe, que filtrará aqueles que non sigan as regras de Netiqueta ou expoñan datos que non deben estar aquí.
As dúbidas, ou calquera cuestión de índole persoal, serán atendidas a través de medios privados (correo electrónico ou Skype). Para ser atendidos/as, deberedes mandar un correo a galineirodequinto@gmail.com dicindo quen sodes e expoñendo a vosa dúbida.
Isto é todo, por agora. Deica a próxima!
Ningún comentario:
Publicar un comentario